Ir á receita en castelán
- Peladuras dos langostinos
- Raspas da pescada
- 1 cebola
- 1 pemento vermello
- 600 grs de pescada
- Un puñado de langostinos
- 2 patacas grandes
- 2 cenorias
- 2 tomates pera
- 1/2 taza de ervellas
- Sal e aceite
Hoxe vai de pescado a receita, xa que tiña algo de mono. Explícovos o motivo. Como moitos de vos saberedes, nestes días pasados estiven por tres países de Centroeuropa, Rep. Checa, Austria e Hungría. Pois ben, son tres países que non teñen saída ó mar e isto marca moito a súa gastronomía.
Tanto na Rep. Checa como en Budapest (Austria non tanto) non comen peixe durante todo o ano e si o comen é de río (perca ou troita). O único día do ano que comen peixe, é o de Noiteboa. Segundo nos contaron era típico que nas esquinas das rúas se puxeran postos con unha especie de barreños, onde tiñan as percas vivas. A xente por unha cuestión de prezo, as compraba unha semana antes e as mantiñan vivas ata o día de Noiteboa nas bañeiras. Non me preguntedes polo aseo.
Imos ó noso:
- Pelamos os langostinos e reservamos as peladuras e os langostinos pelados.
- Picamos media cebola e medio pemento (non fai falla moi picados, son para o caldo).
- Nunha cazola poñemos un pouco de aceite e cando tome calor botamos as peladuras dos langostinos. Refogamos e prememos as cabezas para que solten o seu zume. Incorporamos a cebola e o pemento picado e damos unhas voltas. Cubrimos con auga e incorporamos as raspas da pescada. Deixamos facer unha media hora, desespumamos, colamos e reservamos.
- Mentres se fai o caldo, picamos a outra media cebola en plumas finas, o pemento e o tomate en anacos pequenos, a cenoria en rodelas finas e as patacas, tamen, en anacos pequenos.
- Noutra cazola poñemos un pouco de aceite e pochamos a cebola. Cando estea no seu punto, engadimos o pemento e o tomate. Remexemos o conxunto uns minutos e incorporamos a cenoria e as patacas. Damos unhas voltas e regamos, ate cubrir, co caldo reservado. Deixamos que se faga a lume brando uns 20 minutos.
- A falta de cinco minutos engadimos a pescada sen pel nin espiñas e os langostinos. Pasado o tempo listo.
Nota:
Como me interesan os vosos comentarios e me gustaría responder
directamente, vos agradecería que os comentarios ou consultas as fagades
por un destes dous camiños:
No correo: olivarela@hotmail.es
No Facebock: http://www.facebook.com/boproveito