Ir al contenido principal

A malla (O ciclo do pan)

Antes de comenzar quero indicar que o último paso do ciclo, a fornada, e por compromiso ineludible, non aparecerá nestas entradas.
Pois ben, o pasado sábado 28 avanzou un paso máis o proceso do pan, neste caso ca malla.
Todo o que se segara no sábado anterior, estaba almacenado nun enorme palleiro, do que se ía sacando para pasar pola malladora.
A máquina que se utilizou ten máis de 100 anos, e falábanme dela, con orgullo, os netos do propietario da máquina. Contaban que a miman con cariño, que a prenden unha vez o mes, para que estea a punto, podo constatar que non fallou nin unha soa vez.
Tamén conservaban a limpadora, máquina manual onde xa o grao saia completamente limpo para a seguinte fase, proceso no que se implicaba os máis cativos.
Comentábame un home que hai anos estaban a traballar 2 maquinas coma esas e durante dúas semanas no pobo.
O final fixeron unha pequena demostración de coma se facía a malla con anterioridade a chegada das máquinas. Estiven a falar tamén con un home que presumía con orgullo de facer os mallos que se ían a usar e relatoume coma era a súa confección.
É un traballo comunitario e a impresión que da desde fora é o de un auténtico caos de ver a xente dun lado para outro, coma se non tivera claro o que tiña que facer. Pero a pouco que un atendese, estaba claro que cada un tiña moi clara a súa labor e nese baile cada un cumpría con perfección milimétrica.
Co paso das horas o palleiro das espigas ía decrecendo e en proporción inversa o da palla ía crecendo.
O próximo venres será Festa da Moenda.